
Investigadores do campus de Ourense, ligados á Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, realizaron un estudo de viabilidade dunha misión ao planeta Marte usando propulsión solar eléctrica, en contraposición coa propulsión química, que é o método empregado tradicionalmente no espazo. Nel demostran a súa superioridade e presentan un deseño preliminar completo dun satélite con este sistema eléctrico.
O traballo foi publicado recentemente na revista Acta Astronautica nun artigo titulado Feasibility study of a solar electric propulsion mission to Mars e está asinado por Marco Casanova, Fermín Navarro e Daniele Tommasini (egresado e profesores respectivamente da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo). A iniciativa, apuntan os seus responsables, é froito dunha colaboración entre dous centros de investigación da Universidade de Vigo, como son atlanTTic (Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación), do que Fermín Navarro é parte, e o recentemente creado IFCAE (Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais), do que tanto por Marco Casanova como Daniele Tommasini son membros.

O proxecto Aeroganp, liderado polo Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (Ifcae) da Universidade de Vigo e cofinanciado polo programa Interreg España-Portugal POCTEP, xa está en marcha. Dotado en total con dous millóns de euros, o seu obxectivo é crear unha rede de investigación aeroespacial na eurorrexión Galicia-norte de Portugal. O consorcio que o desenvolve está formado por 12 socios: as tres universidades galegas e as portuguesas de Minho e Porto, centros tecnolóxicos como Gradiant, ITG, Inesctec ou Ceiia, administracións públicas como a Axencia Galega de Innovación e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal e o Consorcio Aeronáutico de Galicia, que aúna a numerosas empresas do sector.
Un dos obxectivos principais do proxecto Aeroganp, explican desde a súa organización, é a creación dunha rede transfronteiriza de cooperación na eurorrexión, reunindo aos principais actores interesados no sector espacial para promover a investigación e a innovación. Tamén busca implementar unha serie de demostradores que operen en ambos lados da fronteira, facilitando a transferencia de tecnoloxía aeroespacial á sociedade. Así mesmo, aspira a contribuír significativamente ao desenvolvemento e mellora das capacidades de investigación, innovación e transferencia tecnolóxica aeroespacial ao sector produtivo.

Eventos como a pandemia da covid-19 e a guerra de Ucraína teñen posto o foco na vulnerabilidade da rede de subministros ante eventos “imprevistos” e nas súas consecuencias socioeconómicas. Neste contexto, socios de oito países, entre eles a Universidade de Vigo, puxeron en marcha recentemente o proxecto europeo SARIL, que ten como obxectivo mellorar a sostibilidade e a resiliencia das redes de infraestruturas e loxística da UE.
SARIL (Sustainablity and resilience for infrastructure and logistics networks) arrancou en xuño deste ano e continuará ata xuño de 2026. Conta cun orzamento total de arredor de catro millóns de euros, dos que 282.000 corresponden á Universidade de Vigo. Está financiado polo programa Horizonte Europa, concretamente pola convocatoria Novos conceptos e enfoques para redes de loxística e transporte de carga resilientes fronte a eventos disruptivos, incluídas pandemias (Horizon-CL5-2022-D6-02-07). O equipo da UVigo participante está encabezado por Higinio González e formado por Raquel Ortega e Gonzalo Durán, membros da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (IFCAE) da Universidade de Vigo. Ademais da UVigo participan a Autoridade Portuaria de Vigo e CEMOSA, de España; Fraunhofer Gesellschaft EMI (líder), de Alemaña; Politecnico de Milano, Rina Consulting SPA e Agenzia Interregionale per il fiume Po, de Italia; Marlo AS e Sintef AS, de Noruega; Gebüder Weiss GmbH, de Austria; Universidade de Minho e Rangel Invest SA, de Portugal; Alliance for Logistics Innovation through Collaboration in Europe, de Bélxica, e Siec Badawcza Lukasiewicz-Poznanski Instytut Technologiczny e CSL Sp. z o.o., de Polonia.