Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

13/10/2026

Este martes presentouse no campus de Ourense unha nova cátedra da Universidade de Vigo: a Cátedra Indra en Sistemas Aéreos Autónomos. Esta cátedra nace co obxectivo de establecer unha colaboración continuada entre a empresa Indra Group e a UVigo en actividades relacionadas coa formación, divulgación, transferencia e fomento da I+D+i no campo da aviación non tripulada, sistemas de guiado, RPAS e sistemas de aeronaves non tripuladas. Trátase dunha actuación que se enmarca ademais na aposta da Xunta de Galicia e Indra, en colaboración coa UVigo e a través da iniciativa Civil UAV, “por consolidar Galicia como un polo de referencia en innovación, desenvolvemento tecnolóxico e talento vinculado ao ámbito aeroespacial e dos sistemas non tripulados”.

Na presentación participaron Carmen García Mateo, reitora da Universidade de Vigo; María Jesús Lorenzana, conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia; José Luis Albo, responsable de Indra Group en Galicia; Nieves Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo; e Fernando Veiga, profesor da UVigo director da cátedra. Na súa intervención, Carmen García Mateo destacou que esta iniciativa “representa moi ben o modelo de universidade que queremos: unha institución capaz de aproveitar as súas fortalezas, conectada co tecido empresarial e que transforma o coñecemento en oportunidades reais para a sociedade”. Neste sentido, puxo en valor “o traballo que se está desenvolvendo desde Ourense, onde contamos cunha Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo que conseguiu consolidar unha oferta formativa de grande atractivo e desenvolver capacidades docentes e investigadoras nun sector de enorme proxección”.

Ler a nova completa no DUVI