Un equipo internacional formado por astrónomos e astrónomas de todo o mundo no marco da misión Gaia acaba de dar a coñecer o achado do buraco negro estelar máis masivo descuberto ata agora na Vía Láctea. A súa investigación foi publicada este martes pola revista Astronomy & Astrophysics e está asinada por 300 investigadores e investigadoras de países como Alemaña, Austria, Bélxica, Finlandia, Francia, Italia, Suecia, Chile, Australia e tamén España. En concreto, a catedrática do Departamento de Física Aplica da Universidade de Vigo e investigadora do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais Ana Ulla é unha das asinantes do artigo, que ten como autor principal a Pasquale Panuzzo.
O buraco negro, que o equipo científico define como un “xigante durmido”, foi descuberto cando revisaban as observacións de Gaia de cara á publicación dun novo catálogo de datos. “Ninguén agardaba atopar un buraco negro de gran masa axexando preto e que non tivese sido detectado ata agora”, destaca Pasquale Panuzzo, membro da misión Gaia e astrónomo do Observatorio de París, que forma parte do Centro Nacional de Investigación Científica de Francia (CNRS). “Este é o tipo de descubrimento que fas unha vez na túa carreira investigadora”, engade.