A catedrática Ana Ulla participa coa misión Gaia no descubrimento do buraco negro estelar máis masivo da Vía Láctea

Ten unha masa de case 33 veces a do Sol e está a menos de 2000 anos luz da Terra

Un equipo internacional formado por astrónomos e astrónomas de todo o mundo no marco da misión Gaia acaba de dar a coñecer o achado do buraco negro estelar máis masivo descuberto ata agora na Vía Láctea. A súa investigación foi publicada este martes pola revista Astronomy & Astrophysics e está asinada por 300 investigadores e investigadoras de países como Alemaña, Austria, Bélxica, Finlandia, Francia, Italia, Suecia, Chile, Australia e tamén España. En concreto, a  catedrática do Departamento de Física Aplica da Universidade de Vigo e investigadora do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais Ana Ulla é unha das asinantes do artigo, que ten como autor principal a Pasquale Panuzzo.

O buraco negro, que o equipo científico define como un “xigante durmido», foi descuberto cando revisaban as observacións de Gaia de cara á publicación dun novo catálogo de datos. «Ninguén agardaba atopar un buraco negro de gran masa axexando preto e que non tivese sido detectado ata agora», destaca Pasquale Panuzzo, membro da misión Gaia e astrónomo do Observatorio de París, que forma parte do Centro Nacional de Investigación Científica de Francia (CNRS). «Este é o tipo de descubrimento que fas unha vez na túa carreira investigadora», engade.

Ler a nova completa no DUVI